O titular do Goberno galego asistiu á posta en servizo da ampliación e mellora da avenida da Deputación
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á posta en servizo das obras de ampliación e mellora da avenida da Deputación nas que o Goberno galego destinou máis de 6,3 millóns de euros. Na oportunidade, lembrou que esta vía é o acceso principal a un gran centro de actividade económica e de emprego que leva experimentado nos últimos anos un puxante ritmo de crecemento.
O titular do Executivo galego destacou que a transformación dos accesos ao polígono de Sabón, “un dos máis potentes e dos que máis tiran do emprego de calidade en Galicia”, supón unha mostra do compromiso da Xunta co progreso e benestar de Arteixo e, en xeral, de toda a comarca da Coruña.
No polígono de Sabón, en Arteixo, están asentadas preto de 100 empresas que dan traballo, cada día, a máis de 7.500 traballadores. O presidente valorou que algunhas desas compañías sexan as mellores credenciais da marca Galicia e buques insignia da economía da comunidade.
Traballo conxunto
O presidente galego destacou o traballo conxunto realizado entre a Xunta e o concello de Arteixo, convencidos da necesidade de dotar este polígono das mellores comunicacións posibles. Tamén, de ofrecer solucións ás retencións que se viñan producindo en horas punta coa entrada dos traballadores.
Ademais de mellorar a funcionalidade, o alcance da actuación que hoxe se puxo en servizo vai moito máis alá. Permite unha significativa mellora da seguridade viaria; insírese no compromiso do Goberno galego pola ordenación e posta en valor do noso territorio; e procura demostrar que un polígono industrial tamén pode ser un espazo público humanizado cunha paisaxe agradable.
“Hai que pensar nos vehículos, en todo o movemento comercial que hai pero, tamén, procurar que as persoas poidan desfrutar das obras que se fan e poidan camiñar por elas”, afirmou o presidente da Xunta.
Rueda auguroulle o mesmo éxito que o da rotonda elevada, que se puxo en funcionamento hai oito anos e que no seu día supuxo “unha aposta de futuro que os anos demostraron que era unha aposta ben feita, igual que esta nova e que todas as que fagamos en polígonos industriais tan potentes coma este de Arteixo”.