O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestructuras turísticas no rural. Conta cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros e busca fomentar a recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos no medio rural para impulsar a diversificación da actividade turística por todo o territorio a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Trátase dunha orde de axudas en concorrencia competitiva impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo á que poden concorrer concellos, mancomunidades e consorcios locais con competencias en materia de turismo, así como agrupacións de concellos. As axudas sufragarán actuacións de embelecemento dos accesos incluíndo a recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos, iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente.
Tamén accións que opten pola recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rotas ou outros elementos de interese turístico ou actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado. Estas últimas poderán consistir en embelecemento de vías, ocultamento de colectores de residuos ou eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.
Accesibilidade e recursos etnográficos
No caso das actuacións de posta en valor turístico dos recursos poderase incluír accións de recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional, entre outras. No eido da mellora da accesibilidade dos recursos turísticos sufragarase a eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas así como accións destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.
Finalmente, a sinalización dos recursos turísticos poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica así como nos cascos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.
Con esta liña de axudas para a mellora de infraestructuras turísticas no rural, a Xunta contribúe a impulsar o desenvolvemento socioeconómico do rural galego a través da actividade turística. Na convocatoria deste ano foron máis de 120 os concellos beneficiarios cun impacto territorial equilibrado e repartido nas catro provincias.