Segundo indican dende a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, "o labor inspector realizado polos técnicos de Augas de Galicia este verán permitiu eliminar un punto de vertedura de augas residuais industrias que estaba a afectar ao encoro do Rexedoiro".
Así, indican que a orixe da mesma estaba nunha fábrica no polígono industrial de Sabón e foi detectado polo persoal do organismo de conca no transcurso dunha inspección rutineira no marco do Plan de Control de Vertidos. Durante a visita ás instalacións, os técnicos constataron que se estaban a desaugar residuais procedentes da fábrica a través dun punto de evacuación de augas pluviais. Tras tomar mostras da vertedura, os resultados confirmaron importantes incumprimentos dos valores de referencia para verteduras ao dominio público.
Ademais, a instalación carecía da preceptiva autorización para vertido polo que Augas de Galicia instou aos titulares a localizar e eliminar a causa da contaminación. Despois de varias inspeccións de seguimento nas que se constatou que o vertido persistía, os responsables da empresa lograron localizar unhas filtracións de augas residuais nos colectores e canles da parte antiga da fábrica que chegaban ata a liña de evacuación de pluviais e a través dela, ao encoro.
Unha vez detectada a orixe, "os titulares da instalación acometeron as obras necesarias para eliminar o foco de contaminación e remodelar a zona vella do edificio, unhas actuacións que permitiron emendar o vertido tal e como verificaron nunha recente inspección os técnicos do organismo de conca".