Incremento da achega autonómica a Ecos do Sur polo seu traballo social

A conselleira de Política Social destacou o incremento nun 57% da achega autonómica a Ecos do Sur na nova orde de axudas a entidades sociais
A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurará a exposición de Ecos do Sur, dentro do ciclo Olladas Inclusivas.
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurará a exposición de Ecos do Sur, dentro do ciclo Olladas Inclusivas.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o incremento nun 57% da achega autonómica a Ecos do Sur na nova orde de axudas a entidades sociais para o actual período 2018-2020, ata chegar esta aos 528.000 euros. Foi na inauguración da exposición sobre o traballo de apoio ás persoas migrantes que leva a cabo esta entidade. Durante as vindeiras semanas ocupará o espazo da pirámide no edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, en Santiago de Compostela.

Fabiola García explicou que esta mostra forma parte do ciclo Olladas Inclusivas, polo que están a pasar as principais entidades sociais que actúan na comunidade. Ten como obxectivo dar máis visibilidade ao traballo a pé de campo que estas levan a cabo os 365 días do ano. Neste sentido, encomiou as case tres décadas de actividade de Ecos do Sur na procura dun presente e dun futuro mellor para as persoas que chegan a Galicia. A elles presta asesoramento legal, mediación intercultural, clases de idioma castelán ou acompañamento de traballadores sociais.

Compromiso

A conselleira garantiu a continuidade do compromiso do Executivo autonómico a Ecos do Sur. Neste senso, a Xunta xa apoiou a posta en marcha do seu novo centro de día de inclusión na cidade da Coruña. Tamén incrementou a contía da subvención que reciben para o financiamento dos seus programas e servizos, que pasa dos 300.000 euros na anterior convocatoria ata os 528.000 actuais.

Fabiola García avogou por continuar a afondar na colaboración e coordinación co tecido asociativo de Galicia. A Xunta comparte con elas o obxectivo común de consolidar unha Galicia máis acolledora na que as persoas e familias con máis dificultades dispoñan da protección e das oportunidades que necesitan.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, inaugurará a exposición de Ecos do Sur, dentro do ciclo Olladas Inclusivas.