Estimados veciñas/veciños:
Durante os próximos meses enfrontámonos a un momento histórico no concello de Arteixo: a posibilidade de eliminar a peaxe situada á altura do Quinto Pino na autoestrada A Coruña-Carballo.
A situación é a seguinte: o ministerio de Fomento está a realizar os trámites necesarios para investir preto de 40 millóns de euros para prolongar a autovía do Porto Exterior que acaba de inaugurar, e así conectar esa autovía coa Terceira Rolda para que posteriormente o tráfico portuario poida transitar ata a autovía A-6.
Os estudos técnicos encargados polo concello de Arteixo sinalan que eliminar a peaxe do Quinto Pino custaría 22,3 millóns de euros.
Estes datos fixéronnos defender por medio de varias iniciativas administrativas que sería máis lóxico investir o diñeiro asignado para prolongar a autovía en eliminar a peaxe, xa que ademais de conseguir o obxectivo de conectar o tráfico do Porto Exterior coa A-6 beneficiaríase ás miles de persoas que utilizan a autoestrada A Coruña-Carballo.
Ante esta situación, o concello decidiu emprender accións reivindicativas que sirvan para dar a coñecer a situación. Unha delas celebrarase o vindeiro sábado 2 de xullo ás once da mañá, cando convocamos unha marcha en coche desde os aparcadoiros situados enfronte do campo municipal de fútbol de Arteixo ata a entrada do Porto Exterior a través da nova autovía.
Máis aló de ideoloxías ou partidos, cremos que esta reivindicación é fundamental para o concello de Arteixo, por iso é polo que me atrevo a pedir o voso apoio neste asunto de importancia histórica para o noso municipio.
Firmado:
Carlos Calvelo Martínez / Alcalde-Presidente do Concello de Arteixo