Halimah Shalabi é unha mostra en si mesma do que é a interculturalidade. Nacida en Venezuela, de nai galega e pai palestino, di sentirse “moi galega”. Dende moi nova atraída pola música, comezou a bailar e tocar a pandeireta con 9 anos cando chegou a Galicia. Agora, esa paixón pola música a levou a converterse en profesora.
A súa é unha historia tamén para romper os prexuízos sobre o mundo árabe. Dos que di, aínda queda moito por avanzar. Ela mesma di que a xente “chócalle bastante polo nome árabe, a pandeireta e as pintas que levo”. A súa actitude fronte a vida é unha forma de romper mitos e de dar valor á riqueza cultural que podemos sacar se derribamos os muros que nos afastan daqueles que son distintos a nós.
Como comezaches a tocar a pandeireta?
Eu comecei bailando en Xiradela. Moitas veces acompañaba a miña prima a pandeireta e lembrarei toda a vida de chegar a casa e coas VHS intentar imitar o que facían elas. En Cántigas da Terra comecei a ir a clases de pandeireta. Tempo despois cruzouse no meu camiño Xurxo Fernandes e Pandeireteiras sen Fronteiros (Pan Sen Fron). Agora dou clases en varios sitios e é moi gratificante porque me gusta moito a música e temos unha riqueza impresionante a nivel cultural, música e folclore. Ademais, Pan Sen Fron foi unha das cousas mais marabillosas que me pasou, somos a suma de moitas diferenzas e as integramos. A idea parte de viaxar a outros lugares do mundo a amosar a nosa música e beber tamén do que vemos fóra para poder traelo aquí.
Visitaches Palestina, como foi?
Son moitas sensacións, a nivel persoal, coñecer a outra parte de min, era a primeira vez que coñecía a toda a familia. Eu rompo con todos os clichés pero sempre hai algún prexuízo. Chegaba co pelo a cores, piercings pero en ningún momento me sentín observada, a xente é moi acolledora e respectuosa. A vida cotiá alí lembroume moito a nosa vida. Temos moitas mais cousas que nos unen das que nos separan.
Como se leva a situación de Palestina?
Eu sempre fun obxectiva pero dende que estiven alá non podo selo tanto. A sensación é como un ataque psicolóxico os palestinos. Ves un pobo palestino rodeado de asentamentos xudeus con seguridade e vallas. Antes de entrar a Ramala, no posto de seguridade hai soldados pertrechados coma se estivesen en combate, coas metralletas, pistolas, granadas,… Os nenos ven como moi normal ver un soldado. É moi complicado, a terra non é de ninguén e de todos. Eu teño as miñas esperanzas de que Palestina sexa libre pero necesita que o mundo abra os ollos e non interesa porque os grandes lobbies e quen manexa este mundo son os israelíes. Aínda que hai moitos xudeus e israelíes que tamén están en contra do que fai o estado.
Aquí tamén hai prexuízos cara o mundo árabe?
Si. Meu pai é musulmán e miña nai católica pero nos educaron na liberdade e no respecto ante todo. Non nos obligaron nunca a seguir unha relixión. É medo o descoñecido, como algunhas persoas levan velo, pensan que xa non fan o mesmo que nós e iso non é así, levan unha vida como a nosa. Hai que molestarse en coñecer as diferenzas e iso pode ser a posible unión. O esforzo debe ser por ambas partes, non entendo porque non hai mais integración. Non creo en ningunha relixión pero creo que, das tres grandes relixións monoteístas, o Islam é a mais aberta. Eu teño un Corán e nunca lín que había que mallar nas mulleres, son ideas moi tópicas pero é o que pensa moita xente.
Como está a situación da muller alí?
A sociedade viviu un retroceso por culpa do asedio. Un primo meu que está alí, contoume que a mellor época do sociedade palestina en tema de igualdade e liberdade foi nos 80 e que hoxe en día houbo un retroceso. Eu creo que se debe a que cando non podes ampliar miras, porque hai algo que cho impide, o círculo pechase e parte da sociedade pode sufrir unha involución. Galicia para min é un matriarcado de portas para dentro. A muller galega para min é unha mulleraza e en Palestina pasa o mesmo. Temos o concepto de que alí manda o home, de portas para fóra si pero na casa se consensua coa muller. Hai excepcións e hai extremos en todos lados pero vemos a un señor que sae con turbante e xa pensamos que é un machista, un maltratador, un terrorista… e non é así.