Neira Vilas acude o venres 14 de deciembro a inauguración da exposición sobre “Memorias dun neno labrego”.
“Memorias dun neno labrego” é un libro que len as rapazas e rapaces de hoxe en día e que antes xa leron as súas nais / pais e, nalgúns casos, tamén as súas avoas e avós. Trátase pois, dunha ocasión para achegarnos á literatura galega e para espertar o interese pola lectura.
50 anos de “Memorias dun neno labrego” é unha mostra á que asistirán alumnas/os e mestras/es de diversos centros de ensinanza de Arteixo así coma a cidadanía en xeral. Poderá verse en Arteixo desde o 14 de decembro no centro cívico, data da súa inauguración , até o sete de xaneiro do vindeiro ano.
A exposición inclúe paneis informativos con fotografías, debuxos, pinturas e vídeos divulgativos, ademais dunha ducia de cadros nos que pintoras/es galegas/os, coma os carballeses Milagros Cotelo e Miguel Anxo Calvo, plasman a súa visión do famoso Balbino. A exposición xira en torno a dous eixes principais que guían ao espectador a través dun túnel composto por vitrinas nas que se reflicten as diferentes etapas biográficas de Xosé Neira Vilas, desde o seu exilio na Arxentina e Cuba até a súa relación con outros intelectuais galegos.
Este libro é o máis vendido da literatura galega e está traducido a 36 idiomas, incluído o esperanto e pronto se lle sumará o xaponés.
O día da inauguración estará presente o autor do libro Neira Vilas que, logo de percorrer a exposición, terá un encontro as 12.00 horas do venres co alumnado dos IES e o seu profesorado, a través do cal lles adoita suxerir que temos unha lingua moi rica, anima á rapazada a estar orgullosa do seu idioma ou que o máis importante é que a nosa lingua sirva de instrumento de comunicación e que o seu futuro depende do uso que se lle dea.