A bibliopraia está aberta desde o 15 de xullo ata finais de agosto.
A biblioteca coas mellores vistas do mundo volveu abrir as súas portas na praia de Razo para que, por cuarto ano consecutivo, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao voleibol, teñas ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das Bibliotecas de Carballo.
A Praia dos Libros empezou a funcionar este luns 15 de xullo, e o mércores 17 achegáronse ata ela o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, xa que desde o seu departamento compleméntase a oferta lúdica estival no litoral carballés coas numerosas actividades do programa Eu quero Razo-Baldaio. O mesmo día, de feito, celebrouse un obradoiro de agasallos con crebas, e o sábado 20 realizarase unha limpeza colectiva da marisma de Baldaio coordinada por Limpocean.
Ángeles Pacoret explicou que o funcionamento da bibliopraia non varía con respecto ao ano pasado. Conta cunha sección de préstamo, na que se require o carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, e outra de uso libre na que, ademais de libros, atoparás marcapáxinas, postais... Tampouco varían os horarios, que serán de 13.30 a 17.30 no mes de xullo e de 13.30 a 16.30 no de agosto.
Pero A Praia dos Libros non chega soa, senón que ao longo do verán tamén se desenvolverán na beira as xa clásicas proxeccións de cine ao aire libre organizadas pola Concellaría de Cultura. O mércores 17, ás 22.30 horas, pudo verse en Razo a película Viaxe ao paraíso, e o 14 de agosto, ás 22.00 horas, proxectarase na Pedra do Sal Unha familia de superheroes, coa colaboración da asociación cultural O Castro de Lema.