Dous premios a innovación científica e o uso da lingua entre a mocidade.
Así, dous certames "Inventa en galego" e "Novos poliedros" premian, entre a mocidade, o uso da lingua galega e a innovación científica.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou o 9 de decembro no Pazo de San Roque no acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego. Os premios foron convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego polo Institución Galega da Ciencia (IGACIENCIA). A Xunta colabora para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado no acto de entrega de premios por Manuel Díaz, responsable de IGACIENCIA, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados, destacou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “fomenta a creatividade en lingua galega en todos os ámbitos, porque a creatividade non se necesita só para facetas artísticas coas que adoitamos asociala, como a literatura ou a música, senón que é imprescindible no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
Novos Poliedros
Na segunda edición do certame Novos Poliedros resultaron gañadores:
- IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO
- IES Carlos Casares, de Vigo
- IES de Meaño
- CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol
Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo.
Este concurso, homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da Simetría Científica.
Ademais busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolles a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade.
Dest xeito, a partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.
Inventa en galego
Doutra banda, o certame Inventa en galego propón aos centros de ensino que elaboren unha app Android na linguaxe de programación app Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan. O gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña, polos seus proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos. Neste caso, o centro galardoado recibiu un premio de 300€, así como un lote de libros para o alumnado participante.