Reunión cos traballadores coincididiendo na necesidade de contar cun marco enerxético estable e competitivo que evite a deslocalización da produción.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola secretaria xeral de Industria, Paula Uría, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron unha reunión co comité de empresa de Ferroatlántica Sabón para avaliar a situación da planta, que se atopa parada desde o pasado verán e cun ERTE desde o mes de novembro.
Ao longo do encontro, Xunta e traballadores coincidiron na necesidade de contar cun marco enerxético estable e competitivo que evite a deslocalización da produción cara a outros países que, como Francia, contan cun prezo medio do MWh preto de oito veces inferior ao español. A propia compañía ten trasladado que a parada da planta se debe a un incremento dos seus custos nun 43%.
Conde trasladou ao comité que desde a Xunta de Galicia estase tamén en contacto coa empresa Ferroatlántica Sabón para ofrecer todos os mecanismos cos que conta a Administración autonómica para poder desenvolver iniciativas no ámbito enerxético que lles permitan impulsar o uso de enerxías renovables e gañar en competitividade, como é o caso da prioridade de tramitación de proxectos eólicos que subscriban contratos de subministración coa industria galega.
O Goberno galego, ademais, xa declarou estratéxico e esencial o sector electrointensivo, acompañou este tipo de industria en todas as súas demandas ao Goberno para contar cun marco enerxético competitivo e conta con liñas de axuda para mellorar a eficiencia enerxética en pemes e grandes empresas, proxectos de autoconsumo e almacenamento enerxético, ademais de xeración térmica.
Os asistentes á reunión coincidiron en que é necesario que o Goberno cumpra cos seus compromisos e convoque as poxas acordadas, axilice o Perte sobre descarbonización, e active os instrumentos recollidos nos Orzamentos Xerais do Estado para mitigar os efectos do alto custo enerxético, así como axudas ás empresas polos custos indirectos das emisións de CO2.