No pasado mes de novembro, o goberno municipal de Arteixo anunciou o inicio dos trámites para licitar as obras do Paseo Fluvial de Vilarrodís. "O proxecto, que responde a unha débeda histórica a veciñanza, acumula varios anos de demora", afirman os socialistas. O portavoz municipal da formación, Simón López, cre que “chegou o momento de solucionar a carencia de áreas de esparexemento nunha das zonas con maior densidade de poboación”.
En opinión de López, a construción da nova senda pola beira do rego das Teixueiras e a súa conexión coa área recreativa de Seixedo “non beneficiará só á xente de Vilarrodís, senón á veciñanza de todo o concello”. Nunha visita á zona, acompañado por representantes do grupo socialista, expresou que “a veciñanza segue agardando pola mellora dos accesos á escola infantil e a construción do novo centro cívico”. Tamén, reclama un proxecto “máis ambicioso para o conxunto do núcleo urbano, onde se contemple a humanización da Avenida Manuel Platas Varela e a mellora integral da seguridade viaria".