A Educación social reivindica su papel en protección, educación e apoio

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia ven de emitir, con data 29 de maio, un comunicado:

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), que agrupa a profesionais da Educación Social galegas/os, ante a reiterada negativa da Deputación de Coruña ás peticións e achegas realizadas polo Ceesg, relacionadas con servizos de atención á cidadanía (como son a protección á infancia, a animación sociocultural e xestión cultural e os Servizos de Educación e Apoio Familiar dos servizos sociais comunitarios) fai público o seguinte:

Nos últimos meses, presentáronse dende o Ceesg dous recursos de reposición ante sendas accións da Deputación da Coruña. Con anterioridade mantivéronse xuntanzas tanto coa que foi Deputada de Benestar Social, Dna. Ánxela Franco, como co tamén anterior Presidente da Deputación, D. Valentín González Formoso.

Sobre a configuración e funcións do persoal educativo en centros de
menores

Os equipos educativos dos centros de menores da Deputación da Coruña teñen unha composición peculiar de profesionais de distintas titulacións, agrupados baixo as nomenclaturas de educador/a, educador/a infantil, titor/a, auxiliar educador/a, entre outros.

As titulacións de acceso a estas prazas, son igualmente diversas.

Recordamos que a titulación universitaria de Educación Social naceu froito da inquedanza das e dos profesionais dos ámbitos educativos non escolares que tomaron conciencia de que a súa acción educativa contiña elementos de especialización que conformaban unha profesión con identidade propia á que non respondía de xeito idóneo ningún título académico naquel entón.

Sendo hoxe unha profesión definida e identificable, cun corpo formativo consolidado e ofertado pola maioría das universidades españolas, non ten sentido que continúe dándose esta situación, na que equipos educativos que se supón deberían ser especializados teñen unha composición a todas luces inadecuada e académicamente insuficiente.

Estes equipos deberían estar configurados por postos de “Educador/a Social” e “Auxiliar educativa/o” (coas titulacións axeitadas e encadrándose cada un no grupo de clasificación profesional que lle corresponde).

Consideramos unha irresponsabilidade deixar aberta a posibilidade de acceso a estes postos a persoas sen ningún tipo de titulación específica nin especialización, como ocorre na actualidade no caso dos postos de “Auxiliar educador/a”.

A gravidade do asunto non remata aí, pois atendendo ás funcións de cada un destes postos, chama a atención que as funcións das/os “Educadoras/es” do Fogar Infanti Emilio Romay son distintas ás das/os “Educadoras/es” do Centro de Día de Menores de Ferrol.

Non ocorre isto sen embargo cos postos de “Titor/a” nin de “Auxiliar educador/a”, que si teñen as mesmas funcións en ambos centros.

Especialmente chamativo é o feito de que no Fogar Infantil Emilio Romay as/os “Educadoras/es” (persoal con titulación universitaria) están funcional e xerarquicamente baixo o mando das/os “Titoras/es” (con titulación de formación profesional), irregularidade que foi denunciada por vía xudicial polas educadoras do centro, e que dende o Ceesg solicitamos fose corrixida.

Hai que recordar que estes centros atenden a un colectivo especialmente vulnerable como é o da infancia en situación de protección polo que non pode tomarse á lixeira.

Sobre o financiamento de persoal dos Servizos Sociais comunitarios
básicos

A Deputación da Coruña convoca anualmente as axudas dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a contratación do persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís diferentes e complementarios ao do profesional de referencia.

Os perfís profesionais que deben compoñer estes equipos recóllense no Decreto 99/2012 (entre os que está o de educación social). Sen embargo, a convocatoria faise de xeito xenérico, sen indicar que deben ser eses os perfís profesionais a contratar.

Esta indefinición fai que se perpetúen situacións irregulares, nas que persoas con titulacións distintas ás de Educador/a Social ocupen postos de “Educador/a” ou “Educador/a familiar” (nomenclaturas que debería xa quedar en desuso e actualizalas como “Educador/a social”).

A Deputación da Coruña ten a oportunidade de contribuír á regularización desta situación a través desta convocatoria de financiamento, e que redundaría nunha mellora da atención prestada á cidadanía, coa composicións duns equipos cunhas funcións claras e con persoal competente na súa disciplina.

Sobre as axudas a Concellos para contratacións de animación sociocultural
e xestión cultural. A Deputación da Coruña convoca cada ano axudas para a contratación de persoal de animación sociocultural e xestión cultural nos concellos. Hai catro liñas de financiamento, das que dúas son para novas contratacións e outras dúas para mantemento de persoal que xa estea contratado para estas funcións.

Habendo xa un número elevado de persoas contratadas con titulacións que non son apropiadas –e ás que non se quere prexudicar con esta convocatoria- resulta complexo abordar unha estandarización ou regulación dos perfís profesionais idóneos nesta área. Mais as liñas de financiamento para novas contratacións poderían xa avanzar cara un modelo no que os perfís profesionais se definan e axusten á realidade académica.

As propostas do Ceesg –rexeitadas pola Deputación- foron no último ano na liña de cambiar a denominación dos postos de traballo e adaptar a titulacións académicas para que respondan de xeito idóneo ás funcións que
desenvolven.

A Deputación Provincial da Coruña aprobou en xuño de 2018 unha declaración institucional a prol da regularización da Educación Social, pola que se comprometía a instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a crear unha Lei de Educación Social.

Consideramos dende o Ceesg que esta declaración perde toda a súa credibilidade se non vai acompañada de feitos que referenden es compromiso, senón que moitas das actuacións de contratación que se están a facer desde Deputación de A Coruña, van en contra da nosa profesión e da garantía de duns servizos socioeducativos de calidade para a cidadanía.

O Ceesg é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, como son: representar os intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de educador/a social; defende os intereses profesionais dos/das colexiados/as, e promover o recoñecemento social e profesional da educación social, entre outros.

Mais o fin último propio de calquera colexio profesional é o de servir ao conxunto da cidadanía, e esta vocación de servizo está no fondo de todas as propostas, alegacións ou suxestións que trasladamos ás distintas administracións públicas, coa finalidade de mellorar a calidade dos servizos socioeducativos que ofrecen.

As propostas do Ceesg xamais foron nin irán na liña da exclusividade da profesión da Educación Social en todos os ámbitos laborais. Porque somos un colectivo que entende perfectamente e comparte o valor do traballo multidisciplinar, mais non podemos seguir tolerando a falta de oportunidade e recoñecemento en ámbitos tan especialmente vulnerables como o de infancia en desprotección, atención a mulleres vítimas de maltrato ou a orientación familiar, no que ofrecemos un perfil idóneo por ampla formación específica así como en habilidades sociais e emocionais.

A través deste comunicado expresamos públicamente o noso malestar ante a escasa atención prestada ás peticións do Ceesg, que xa lle foi transmitido recentemente ao que ata hai uns días foi Presidente da Deputación.

Así mesmo, neste momento post-electoral facemos un chamamento aos partidos políticos que conformarán o goberno das deputacións provinciais nos vindeiros catro anos a que tomen máis en consideración as achegas que se formulan coa vontade de mellora dos servizos á cidadanía.

Más en El Portal de la Infancia