Os agasallos son un tema de actualidade ahora que se aproxima o Nadal. O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia emite este comunicado cunha reflexión sobre os agasallos aos nenos e nenas:
Achéganse as festas do Nadal, os Reis Magos… Habitualmente, coméntase que nestas datas se incrementa o consumismo; pero poderíamos dicir que se incrementa a inconsciencia e que as cidadás e cidadáns se comportan, máis que nunca, como autómatas. Os fillos e fillas son “máquinas” de pedir e os pais e as nais “máquinas” de dar; nin tan sequera de conceder desexos.
Os desexos vanse fraguando a partires da apetencia por algo, mantida no tempo; están conectados cos mundos sensorial e emocional. Pola contra, os psicólogos e psicólogas educativas comprobamos o común que é a sobreestimulación e o fastío nas rapazas e rapaces. Teñen a meirande parte das cousas e incluso os acontecementos tan ao alcance das mans e dun xeito tan rápido que non hai lugar para a loita e o sacrificio que se levan a cabo cando hai apetencia por algo.
Na práctica profesional da psicoloxía educativa vemos, acotío, como cada vez é máis difícil sorprender, ilusionar e emocionar os nenos e nenas. Nestas datas, máis que nunca, os fillos e fillas están ansiosos porque queren pedir demasiadas cousas e os pais e as nais frustradas porque xa non saben como han de facer para satisfacelos. Así, en lugar de facer agasallos conscientes e con isto referímonos a agasallos que eduquen, que potencien a psicomotricidade, que axuden a desenvolver valores como a empatía, a convivencia en igualdade, que conviden á reflexión, que estimulen a creatividade e ao pensamento crítico, que rexeiten os estereotipos etc.; en moitas ocasións remátanse facendo agasallos desde a compulsión e baixo o xugo das modas.
As psicólogas e psicólogos educativos facemos un chamamento ás compras de Nadal responsables e conscientes; porque o noso deber como persoas adultas é procurar o benestar e o bo desenvolvemento físico, psíquico e social dos e das menores. Fagamos agasallos que contribúan a isto, a formar futuros adultos máis sensibles, libres, solidarios e con máis capacidade de desfrute; do contrario, serán escravos dos seus instintos e polo tanto, infelices.
¿Por que non agasallar tempo?
¿Por que non agasallar tempo?: tempo en familia, tempo para conversar, para escoitar, tempo para pasear, para rir, para ESTAR… Vivimos nunha sociedade que dificulta enormemente a conciliación familiar e laboral; una sociedade na que os pais e as nais se ven na obriga de levar un ritmo de vida trepidante e chegan aos seus fogares, en moitos casos, esgotados e a horas intempestivas nas que os seus fillos e fillas xa están durmindo.
Aproveitemos estes días festivos, nos que non teñen que ir ao colexio, para investilos en lecer xunto a eles e elas: ver unha película xuntos, que se impliquen nos menús de Nadal, motivemos a súa participación en actividades solidarias (para que adquiran conciencia de que hai moitas persoas que van pasar o Nadal en soidade e en circunstancias moi complicadas)… En definitiva, compartamos tempo, afecto e emocións con eles e elas. Ese é o mellor agasallo de Nadal para os fillos e fillas; porque iso é EDUCAR.