Máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Primaria participarán este outono nun programa pioneiro de compostaxe escolar impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, grazas ao cal aprenderán a separar os residuos orgánicos que se xeren nos seus respectivos comedores e a reutilizalos despois en forma de abono nos hortos existentes nas súas instalacións.
Durante unha visita ao CEIP Ría do Burgo de Culleredo, un dos 30 centros públicos seleccionados para formar parte do proxecto, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, subliñou a boa acollida que tivo esta primeira convocatoria do programa entre a comunidade educativa galega. Así, explicou que 61 colexios de toda Galicia se inscribiron este verán para formar parte do mesmo, motivo polo que o seu departamento decidiu ampliar de 20 a 30 o número de participantes previsto inicialmente.
“Este
proxecto combina á perfección dous obxectivos fundamentais para a Xunta en
materia de medio ambiente: a sensibilización e a educación”, indicou a
conselleira, quen recalcou que a escola “é o mellor escenario para apostar pola
educación ambiental”.
Durante os
dous meses que durará o proxecto, os rapaces aprenderán a compostar,
controlando e participando en todos os pasos do proceso, desde o depósito e
recollida dos residuos orgánicos, ata o seu tratamento e transformación final
en compost. Por iso, como requisitos imprescindibles para participar, os
centros seleccionados tiveron que acreditar que tiñan servizo de comedor, horta
ou invernadoiro e que contaban cun equipo integrado por mestres e persoal do
comedor, disposto a asumir a coordinación dos traballos.
En todos os
colexios, a Consellería encargarase de subministrar os medios materiais
necesarios para poder levar a cabo a iniciativa, así como de impartir formación
e coñecementos aos coordinadores do proxecto en cada caso, tanto profesorado
como persoal do comedor, e obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe dirixidos ao
alumnado. O custo estimado do programa nesta primeira edición ascenderá a uns
35.000 euros.
O CEIP Ría do Burgo foi o primeiro dos centros participantes en recibir o seu composteiro e os cubos que facilitarán a recollida da fracción orgánica nas súas instalacións. Neste sentido, a conselleira avanzou que nas próximas semanas completarase a entrega do material a todos os colexios e que en novembro o programa estará xa plenamente operativo.
Finalmente,
persoal técnico da Consellería visitará cada centro escolar no mes de decembro,
coincidindo coa finalización do proxecto de compostaxe, para facer un pequeno
seguimento e control de como se desenvolveu. En todo caso, Ángeles Vázquez
aclarou que a intención é que todos os colexios poidan darlle continuidade pola
súa conta e sigan o próximo ano a empregar o material subministrado para facer
o seu propio compost, para o que contarán igualmente co asesoramento e apoio da
Xunta.