Estas axudas poderán pedirse en 257 municipios galegos, 56 máis que na anterior convocatoria, cando estaban limitados a entidades locais de 5.000 veciños ou menos.
A Xunta de Galicia ten reservado este ano un orzamento global de 2,55 millóns de euros para axudar á mocidade a comprar a súa vivenda habitual en municipios cunha poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes.
Durante unha visita ao concello de Curtis, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou hoxe á xuventude galega a aproveitar esta liña de incentivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que, tal e como lembrou, foi convocada o pasado 12 de agosto e poderá solicitarse ata o vindeiro 30 de setembro.
O programa vai dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, unha das franxas de poboación que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder a unha vivenda en propiedade. Para facilitarlles dar este paso, segundo explicou a conselleira, poderán acceder a unha axuda directa de ata 10.800 euros por inmoble, sempre que esta contía non supere o 20% do prezo de compra.
Ademais, para beneficiarse do programa terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (23.725,8 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.
Os mozos interesados en acollerse a estes incentivos poderán solicitalos sempre que o inmoble adquirido —que pode ser novo ou usado— non custara máis de 120.000 euros e estea localizado nalgún dos 257 municipios galegos que teñen unha poboación de ata 10.000 habitantes —o 82% do total—. Isto supón un cambio substancial respecto da convocatoria anterior xa que, como explicou Ángeles Vázquez, en 2021 estas axudas estaban limitadas a compras realizadas en entidades locais con 5.000 veciños ou menos, polo que, na práctica, este ano poderán solicitarse en 56 concellos máis.
A conselleira subliñou a “boa acollida” que tiveron estas subvencións o ano pasado, cando un total de 112 galegos de entre 18 e 35 anos recibiu o apoio económico do IGVS para a adquisición do seu primeiro fogar. En todo caso e en vista de que para 2022 o orzamento dispoñible “triplica” o do ano anterior, asegurou que agarda que a cifra de mozos e mozas beneficiarios poida ser máis alta, como indican as 125 solicitudes recibidas ata o de agora.
Precisamente, Ángeles Vázquez estivo hoxe en Curtis para falar destas axudas porque foi o municipio da comarca de Betanzos no que se concederon máis subvencións o ano pasado —4 das 6 outorgadas—. De feito, a responsable autonómica estivo acompañada do alcalde, Javier Caínzos, e dunha veciña, Alba María Prado, que en 2021 recibiu unha axuda directa para mercar o seu piso en Curtis, onde tamén ten un negocio.
“Queremos animar aos mozos galegos, igual que fixo Alba, que quixo quedar no seu concello, a residir en vilas e concellos pequenos, porque se algo teñen estes municipios é calidade de vida, proximidade e servizos”, declarou a conselleira.
Así mesmo e aínda que as axudas deste ano están dirixidas a operacións de compra- venda realizadas despois do 1 de xaneiro, prevese a posibilidade de que aquelas persoas que solicitaran o ano pasado unha axuda para comprar vivenda e non a recibiron por esgotamento dos fondos, poidan acollerse ás de 2022, presentando unha nova solicitude.
Neste sentido, cómpre subliñar que ao redor de medio cento de mozos galegos quedaron nesta situación en 2021 polo que o obxectivo é ofrecerlles, deste xeito, unha segunda oportunidade de poder recibir unha axuda directa de ata 10.800 euros.
Preto de 107 M€ a través de 7 programas
Os incentivos á mocidade para a adquisición da vivenda habitual en municipios de ata 10.000 habitantes que acaba de convocar o IGVS enmárcanse no novo Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, asinado o mes pasado e que se desenvolverá a través de 7 liñas de axudas e medidas diferentes, por un importe global de preto de 107 millóns de euros.
Cómpre subliñar tamén que estas subvencións para a compra de vivenda son compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin, sempre e cando as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta.