Unha decena de rapaces de catro institutos de Galicia acudiron ao encontro celebrado en Málaga para contar a súa experiencia neste programa.
A Xunta de Galicia puxo en valor no Encontro ibero-insular de correspondentes o papel das mozas e mozos galegos neste programa. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu a este evento no que, ademais de rapaces de diferentes puntos de España e
Portugal, tamén participaron unha decena de estudantes de catro institutos de Galicia.
En concreto, ao Encontro ibero-insular de correspondentes que se celebra no Centro Eurolatinoamericano de Juventude (Ceulaj) de Málaga, asistiron tres mozas do IES Saturnino Montojo de Ferrol; dous estudantes do IES do Barral e un do Val do Tea, ambos centros de Ponteareas; e catro rapazas do CPI Domingo Fontán da localidade de Portas.
O programa Correspondentes Xuvenís ten como finalidade facer partícipes ás mozas e mozos na difusión de axudas, programas ou actividades que son do seu interese. Deste xeito, alumnado de Secundaria, Bacharelato, de Formación Profesional e de Universidades forman parte da iniciativa co obxectivo de a achegar toda esta información aos seus compañeiros e amigos. En Galicia forman parte desta iniciativa que pon en marcha a Xunta uns 500 rapaces.