Nace a Escola de Regueifa de Carballo

nace escola regueifa carballo
photo_camera Nace a Escola de Regueifa de Carballo // Foto Concello de Carballo

A partir de agora, a regueifa soará durante todo o ano no concello de Carballo, porque nace a Escola de Regueifa de Carballo.

Entre os seus primeiros alumnos e alumnas están as persoas que asistiron aos obradoiros organizados nas últimas semanas polo Servizo de Normalización Lingüística coa colaboración das asociacións Casino 1889, Escola do Alprende, Nemeth e As Landras.

Pero a Escola de Regueifa de Carballo está aberta a todo o mundo, tanto a regueifeiros e regueifeiras que queiran ter un lugar no que practicar a súa arte, coma ás persoas que queiran iniciarse no canto rimado ou ás que simplemente queiran escoitar. Abonda con asistir ás xuntanzas que se celebrarán quincenalmente, os venres alternos. A próxima será o día 31 deste mes no Casino 1889, a partires das 19.00 horas.

A Escola de Regueifa de Carballo, pola que pasaron nestas semanas unha quincena de persoas, é unha das participantes no concurso do proxecto Enreguéifate, no que o noso concello está dobremente representado, xa que tamén compite na categoría escolar un grupo do CEIP Bergantiños. Podes velos e escoitalos máis abaixo.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para o profesorado e para o alumnado, pero tamén para o tecido asociativo e para a cidadanía en xeral.

CEIP BERGANTIÑOS

https://www.youtube.com/watch?v=spGzjACtWM4&list=PLTmgnqg9ve9X-O9_4gPWNTwNBVZG-D1Xh&index=15

ESCOLA DE REGUEIFA

https://www.youtube.com/watch?v=Nxy4TeWUzk0&list=PLTmgnqg9ve9VccYZYXaHdByC1lKMe5D1I&index=8

Más en El Portal de la Infancia