O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o 8 de xaneiro, durante unha visita ás instalacións da escola infantil A Galiña Azul da Estrada, que nas vindeiras semanas se ampliará o Bono Coidado para cubrir tamén os servizos de ludotecas e outros espazos infantís. Esta nova atende a unha necesidade da infancia para garantir unha crianza axeitada.
O presidente do Goberno galego fixo fincapé en que “o Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias” e precisou que nesta nova convocatoria se investirán 1,2 millóns de euros ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban.
Feijóo salientou que a deriva demográfica é un problema estrutural de primeira orde para Galicia e apelou ao compromiso e á implicación de todas as administracións –local, provincial, autonómica e estatal-, e ao
conxunto da sociedade galega, especialmente do tecido empresarial, tanto das pemes como das grandes empresas.