“Meniños Cantores 2: Cantamos!” é un percorrido polos centros educativos da fronteira galego-portuguesa para dar a coñecer o noso patrimonio común.
“Meniños Cantores 2: Cantamos!” é un percorrido polos centros educativos da fronteira galego-portuguesa para dar a coñecer o noso patrimonio común, no que participaron 17 centros educativos e 17 cantantes e músicos profesionais que apadriñaron cada escola. Idea orixinal da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas!, a iniciativa (libro disco, serie documental, espazo web e mesmo karaoke), foi recoñecida recentemente polo xurado do Celtic Media Festival, e seleccionada como unha das seis mellores producións na categoría de mellor programa infantil emitido en televisión. Canda Meniños Cantores 2 competirán polo premio Deian a Loli a Tŷ Nain Jên (Gales), Goolan (Cornualles), itopía (Gales), Keep it up (Irlanda) e Triùir aig Trì (Escocia).
“Meniños Cantores 2: Cantamos!” foi emitida pola Televisión Galega en tempo de Nadal, en formato de catro capítulos, entre decembro de 2021 e xaneiro de 2022. Hai que lembrar que a produción audiovisual fora realizada por Casa de Tolos no complexo contexto de pandemia entre os meses de marzo e xullo de 2021. “Ponte...nas Ondas! É máis ca nunca un canto á ilusión, ao valor do noso patrimonio oral e inmaterial compartido e ao derrube das alfándegas que se demostraron inútiles cando os males avanzan”, escribía daquela Rosa Aneiros no limiar do libro disco: “Nesta edición de Meninos Cantores tan especial podemos escoitar de novo as voces nos espazos exteriores, as caras destapadas, os sorrisos, a proxección do noso poderoso alento cara ao horizonte”.
Éxito das producións galegas
O Celtic Media Festival promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e ten lugar desde hai 44 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. No certame, as producións da TVG compiten con poderosas televisións europeas como a propia británica BBC, ou as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba e a bretoa FR3.
Segundo informou a CRTVG, nesta ocasión, un total de 13 producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2023, a cifra máis alta acadada ata agora.
Entre as propostas da CRTVG seleccionadas están tamén as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez, que ademais de competir no apartado de formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival, ou o espazo ‘A Tanxuverbena’ emitido no Día das Letras Galegas.
Libro-disco Meniños Cantores 2 segue á venda
No espazo web www.meninoscantores.com pode ampliarse información sobre o proxecto e tamén adquirir exemplares do libro-disco, que inclúe a serie emitida en tv, textos da escritora galega Rosa Aneiros, do escritor portugués Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso, ilustracións de Andrés Meixide, ademais doutros vídeos, música e mesmo pezas para o seu uso en formato karaoke.