O certame do "Xuventude Crea" incluirá 14 categorías distintas nas que participar, que van desde artes plásticas, cociña e música, ata videocreación, novela curta ou deseño de xoias.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, anunciou que a Xunta de Galicia publicará unha nova convocatoria do programa "Xuventude Crea" o día 5 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que a partir do día seguinte os interesados xa poderán inscribirse. Fíxoo durante a visita que realizou ao mural que pintou o artista Mon Devane, gañador deste certame no 2015 e membro do xurado en pasadas edicións.
Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta nova edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no 2022.
Serán un total de 14 as categorías nas que poderán inscribirse, que abranguen desde a creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, videocreación, banda deseñada ata arte urbana, deseño de xoias, moda e danza moderna. Cada unha destas especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; así como mencións de honra sen
dotación económica.
Cristina Pichel recordou que "Xuventude Crea" leva 12 anos impulsando o talento e a creatividade da mocidade galega. Así, destacou que neste tempo máis de 4000 mozas e mozos formaron parte desta iniciativa.