O Campionato de Europa Júnior de surf volve a celebrarse tras 4 anos de ausencia na vila de Torres Vedras (Portugal) entre os días 15 e 24 de xullo.
O oleirense Manuel Fernández López foi seleccionado pola Federación Española de Surf para representar a España no vindeiro Campionato de Europa Júnior que se celebrará entre o 15 e o 24 de xullo na praia de Santa Cruz, na vila de Torres Vedras (Portugal). Competirá na categoría sub-18 coa selección e a nivel individual, contando con opcións de acadar bos resultados en ambas categorías. A expedición da selección nacional partirá dende Valdoviño onde, entre o 9 e 17 de xullo, celébrase o Abanca Pantín Classic Galicia Pro e irá acompañada dos técnicos nacionais Pablo Solar, Luis Pérez “Gigi” e Ibon Amatriaín.
Este fito pon de manifesto a aposta da Xunta de Galicia polo surf na nosa comunidade autónoma, posto que o mozo surfista galego leva uns meses adestrando no Núcleo Especializado de Surf (NADE) que o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta, Marta Fernández, presentaron en Nigrán a finais de marzo deste mesmo ano, e que ten por obxectivo a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo e á participación dos deportistas galegos en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos europeos e mundiais e outras competicións internacionais de alto nivel.
O surf é un deporte que historicamente ven acadando bos resultados na nosa comunidade dende que en 1969 apareceran os tres primeiros surfistas na nosa terra. Manuel Fernández segue os pasos de pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero, pero tamén de Esperanza Barreras, bicampioa mundial de SUP-Race; Guillermo Carracedo, campión de España de SUP-Ondas e sétimo do mundo; Iago Formosel, subcampión de España de longboard; Juan Fernández, campión de España de ondas grandes; Milo Castelo, campión de Europa Máster ou José Dopico, campión de España de surf
adaptado. A Xunta seguirá apostando polos valores máis novos para que continúen acadando éxitos para Galicia.