15 centros da Coruña imparten o STEMBach no curso 2019/2010. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva de centros admitidos para impartir o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach) no curso 2019/2020. Serán un total de 31 centros educativos de toda Galicia, dos que 16 son de nova incorporación, os que conten con esta modalidade de Bacharelato, que se implantou por primeira vez en Galicia no curso 2018/19 como experiencia piloto.
Na provincia da Coruña, un total de 15 centros ofertan estas ensinanzas, dos que 9 se incorporan ao programa este ano.
Os centros de nova incorporación ao STEMbach no curso 21019/20 son:
- A Coruña - IES Salvador de Madariaga
- Betanzos - CPR Plurilingüe Ntra. Sra. Del Carmen
- Ferrol - CPR Tirso de Molina
- Ferrol IES - Concepción Arenal
- Santiago de Compostela - CPR Plurilingüe Compañía de María
- Santiago de Compostela - IES Lamas de Abade
- Culleredo - CPR Plurilingüe Rías Altas
- Cambre - IES David Buján
- Oleiros - IES Miraflores
- Centros docentes de continuidade no STEMbach:
- A Coruña - CPR Plurilingüe Compañía de María
- A Coruña - IES Agra do Orzán
- Ferrol - IES Sofía Casanova
- Santiago de Compostela - IES Plurilingüe Rosalía de Castro
- Santiago de Compostela - IES Arcebispo Xelmírez II
- Oleiros - IES María Casares
Obxectivo do STEMBach
O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero.
Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.
O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades, na de Ciencias ou na de Ciencias ou Artes-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.
Tamén cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.
O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos. Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.