Semana do Libro e a Lectura en homenaxe a Carlos O Xestal

semana libro e lectura homenaxe a carlos o xestal
photo_camera Semana do Libro e a Lectura.

A Semana do Libro e a Lectura celebra a súa 16ª edición.

A Semana do Libro e a Lectura entra na súa etapa adulta, porque aínda que neste 2023 celebra a súa 16ª edición, xa van 18 anos dende aquela primeira do 2005. Despois da paréntese dos dous anos de pandemia e das restricións coas que volveu celebrarse no 2022, este ano recupera o seu formato habitual, e os 1.500 nenos e nenas dos nove centros escolares que participan na iniciativa volverán a xuntarse na Biblioteca Rego da Balsa para gozar das actividades propostas.

Ese foi, precisamente, un dos aspectos que destacou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación do programa, na que estivo acompañado por Patricia Varela, presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), co-organizadora da Semana do Libro e a Lectura, e por Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

O lema desta 16ª edición é Libros para xogar, e ademais enmárcase na celebración do Ano do Xestal, polo que, como apuntou Patricia Varela, “o relato oral ten un peso especial”. A presidenta da AS-PG expresou o seu agradecemento ao profesorado polo traballo que se leva a cabo nas aulas durante todo o curso, e que culmina na exposición colectiva que poderá verse durante toda a semana na Biblioteca Rego da Balsa, e á Fundación Luis Calvo Sanz polo apoio que presta ano tras ano á iniciativa.

Programación

En canto á programación, Patricia Varela destacou que Pakolas presentará en Carballo o seu novo disco e que Inventi Teatro estrea tamén a súa obra As palabras perdidas. O cartel inclúe teatro, maxia, música e o relato oral, nas voces de Celso Fernández Sanmartín, María da Pontragha, Vero Rilo e Caxoto. “Esperamos que teña unha gran acollida, que alumnado e profesorado estean moi contentos e satisfeitos, e que pola tarde tamén asista ao público aos obradoiros que se van celebrar na Biblioteca Rego da Balsa, para os que xa está aberto o prazo de inscrición”, rematou.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a continuidade dunha iniciativa que combina ocio e cultura e a implicación de alumnado e profesorado edición tras edición. Para o alcalde de Carballo é moi importante “que o alumnado xogue cos libros e xogue coas letras”, e nese sentido destacou o atinado do lema desta edición. Por último, felicitou á AS-PG pola programación, agradeceu a colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz e animou ás familias a acudir cos nenos e nenas ás actividades que se van celebrar polas tardes.

Más en El Portal de la Infancia