"Suprime o Control": un programa para adolescentes e familias

Suprime o Control
photo_camera Suprime o Control

O Programa "Suprime o Control" é unha iniciativa da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña dirixido a adolescentes e aos seus entornos familiares.

"Suprime o Control" pecha o ciclo de encontros con familias que se desenvolveu en nove concellos da provincia e presentará en breve a curtomatraxe gañadora do concurso "Se oprime, suprime".

Os concellos de Ares, Cariño, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño acolleron os encontros coas familias realizados a través deste programa socioeducativo de prevención da violencia machista.

"Suprime o Control" aposta pola prevención da violencia de xénero entre adolescentes dos centros educativos públicos de secundaria da provincia da Coruña cun duplo obxectivo, dirixirse á mocidade e tamén aos seus entornos familiares.

Por unha banda, "Suprime o control" achegouse ao alumnado de 3º e 4º da ESO a través de obradoiros coeducativos, os cales foron realizados nos meses de xaneiro, febreiro e marzo e, pola outra, implica ás familias para ofrecer coñecementos acerca dos diferentes tipos de violencia de xénero, e para dotar de pautas a nais e pais na detección e afrontamento de relacións tóxicas no seo das parellas adolescentes.

Nesta anualidade, os encontros coas familias realizáronse nos concellos de Ares, Cariño, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, coa colaboración dos respectivos centros educativos e das corporacións locais. En total, participaron nestes encontros 73 persoas, sendo o 84% mulleres e o 16% homes.

As cuestións que máis interese suscitaron ás familias foron as relacionadas coa identificación de actitudes e condutas controladoras nos seus fillos e nas súas fillas, como manter dinámicas de comunicación cas e cos adolescentes baseadas na confianza e nas relacións cara a cara, e como instaurar nas unidades de convivencia pautas que permitan asesorar á xente moza para non caer en relacións tóxicas.

"Se oprime, Suprime"

No mes de xullo verá a luz a curtametraxe realizada con motivo do concurso de microrrelatos "Se oprime, Suprime", dentro do propio programa Suprime o Control, para incentivar a creatividade do alumnado na loita contra as violencias machistas. O relato gañador versa sobre a diversidade afectivo sexual e a falta de comprensión que, en ocasións, aínda se encontra a este respecto na nosa sociedade, e foi elaborado por
alumnado do CPI de Atios de Valdoviño.

O programa "Suprime o control" xunto con "Quen dixo medo?" son dúas iniciativas da área de Igualdade e Servizos Sociais para concienciar e previr a violencia machista.

Más en El Portal de la Infancia