A Xunta impartiu talleres no CEIP Ponte do Porto de Camariñas.
A Xunta impartiu talleres no CEIP Ponte do Porto de Camariñas cos que os alumnos afondan no uso responsable da auga e nas boas prácticas para evitar a contaminación.
O obxectivo desta iniciativa é aumentar a sensibilización ambiental entre os máis novos, fomentando a adquisición de coñecementos relativos á contaminación e á depuración das augas residuais urbanas.
O alumnado de 1º e 2º de Primaria coñeceu a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, así como o funcionamento e características dunha depuradora.
Estes temas trasladáronse a través de presentacións didácticas e visuais, vídeos ou animacións co fin de acadar unha aprendizaxe doada e entretida.
O taller tamén incluíu unha práctica de descontaminación da auga, que consistiu na creación de auga residual nuns recipientes e no simulado posterior dos elementos dunha planta real: filtración, rascado superficial, decantación, aspiración, axitación e aireación.
Día da Auga
Esta xornada enmárcase nas actividades que Augas de Galicia impartiu para conmemorar o Día Mundial da Auga, o mércores 22 de marzo.
O mércores, un grupo de alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach do IES de Brión coñeceron, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra.
Na xornada anterior, os alumnos de 1º e 2º de Primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas tamén participaron nun taller como o impartido en Camariñas.
Ademais, os profesionais do sector industrial de Meaño asistiron a unha visita guiada á depuradora do municipio para coñecer o seu funcionamento.
Con estas actividades, a Xunta celebra o Día Mundial da Auga, que ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible. Este ano a meta é “Acelerar o cambio” e promove o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030.