A primeira edición de Tempo da Psicoloxía, un evento que nace con vocación de continuidade no tempo e que é promovido polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, celébrase entre os días 18 e 21 de febreiro.
A violencia será obxecto de reflexión, a través de diversas actividades que conforman o programa de 2019.
"Tempo da Psicoloxía" pretende ser unha actividade divulgativa da psicoloxía na sociedade, que terá unha temática concreta como protagonista en cada edición anual, e no que a perspectiva de xénero e os valores de igualdade constitúen un elemento transversal en todas as actividades.
Os días 18, 19 e 20 ás 18:30 horas terán lugar tres coloquios no Auditorio ABANCA (Rúa do Preguntoiro, 23) en Santiago de Compostela gratuítos e de acceso libre ata completar aforo.
O primeiro deles será sobre a violencia no deporte, no que participarán Verónica Boquete, futbolista profesional, David González Vázquez, adestrador de fútbol; e María Dolores González Fernández, psicóloga do deporte. Lorena Pose, xornalista da Televisión de Galicia, será a responsable de moderar este encontro.
O martes 19 ás 18:30h abordarase a violencia nos centros educativos, coa participación de Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación da Xunta de Galicia; Hipólito Puente Carracedo, psicólogo educativo; Fernando Lacaci Batres, vicepresidente da Confederación ANPAS GALEGAS, e Mª Isabel Ruso de Lago, presidenta da Asociación de Directivos de IES de Galicia. A xornalista Mª Ángeles San Luis, de Onda Cero Galicia, será quen dirixa esta conversa.
O mércores 20, tamén ás 18:30h, será tempo de falar sobre a violencia no ámbito da familia, nunha palestra que estará moderada tamén pola xornalista Antía Díaz, de Radio Voz. Mónica Permuy, directora da Fundación Meniños, José Manuel Oreiro Blanco, psicólogo da Oficina de Atención á Vítima da Coruña, Mª Paz Filgueira Paz, xuíza titular do Xulgado de Familia nº 12 de Vigo, e Concepción Fernández Fernández, concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, contribuirán coa súa experiencia para abordar este contexto.
O xoves 21 terá lugar a última das actividades da primeira edición de "Tempo da Psicoloxía", pero nesta ocasión estará reservada para o alumnado e profesorado de Psicoloxía e a comunidade académica. Trátase dunha conferencia de Neus Roca Cortés, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Barcelona e que se centrará na violencia de xénero. Esta actividade, que se enmarca dentro dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, está pensada especialmente para os futuros psicólogos e psicólogas, xa que as institucións promotoras consideran esencial a formación en materia de xénero para o exercicio da Psicoloxía.