A violencia vicaria supón o uso de terceiros (cativos, maiores, mascotas) para causar dano ás mulleres. Esquerda Unida celebrou, no mes de decembro de 209 na Casa Casares Quiroga na Coruña, unha charla sobre esta forma de maltrato.
Na xornada participaron: Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Estrela Gómez, representante da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme); e Andrea Arévalo, activista feminista.
"Dende 2013, no Estado, 34 menores foron vítimas mortais da violencia vicaria. Pero, en realidade, o 63,6% de todas as mulleres que denuncia violencia machista teñen fillos e fillas ao seu cargo, polo que hai un elevado número de menores expostos. Por esta cuestión, é preciso facer pedagoxía para entender que os agresores machistas nunca poden ser bos pais”.
Eva Solla
Para Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, “mostrar que é a violencia vicaria é fundamental ”. Tal e como explica Solla, “segundo datos oficiais, dende o ano 2013, no Estado, 34 menores foron vítimas mortais da violencia vicaria. Pero, en realidade, o 63,6% de todas as mulleres que denuncia violencia machista teñen fillos e fillas ao seu cargo, polo que hai un elevado número de menores expostos. Por esta cuestión, demandamos máis protección ás vítimas dende as institucións e chamamos a facer pedagoxía para entender que os agresores machistas nunca poden ser bos pais”.
A violencia vicaria se exerce nun contexto de máxima vulnerabilidade
Respecto a violencia vicaria, Estrela Gómez lembrou que “nos últimos anos se foron producindo pequenos avances no recoñecemento do impacto da violencia de xénero nos nenos, nenas e adolescentes. De feito, a lei recoñece aos fillos e fillas das mulleres que sofren violencia de xénero tamén como vítimas. Sen embargo, cando se ten que dar o paso de activar medidas de protección fronte aos proxenitores violentos, os xulgados continúan a aplicar unha serie de patróns que deixan completamente vulnerables aos nenos e as nenas, incluso cando expresan sentimentos de medo”.
Para Estrela Gómez, “é no contexto de máxima vulnerabilidade, no que o agresor mantén como único medio de contacto o control sobre os fillos e as fillas onde se xesta a violencia vicaria. É, polo tanto, un contexto no que participan, con maior ou menor responsabilidade, diversos axentes sociais, administrativos, o xudiciais”. Segundo Estrela Gómez, neste punto hai que ter moi en conta factores como o silenciamento das vítimas ou o escepticismo sobre o seu relato: “cómpre aprender a escoitar ás vítimas e non atacar a súa palabra”, apunta.
Pola súa banda, Andrea Arévalo lembrou que a violencia vicaria aparece cando “se busca facer dano a nai dende os fillos ou as fillas”. “Cando por fin a muller da o paso de denunciar e separarse do maltratado, segue a sufrir esa figura patriarcal na custodia compartida. Entón, o maltratador adopta a figura de vítima, alegando que as denuncias eran falsas, que se as e os fillos o necesitan, etc.”, apunta. “Aínda que ás veces non sofren os golpes, con estas conductas os menores poden ter lesións afectivas e, o máximo dano, sería o asasinato”.
Para que esta espiral de violencia non siga, “o obxectivo da charla pasa por dar a coñecer este problema na sociedade, traballar a prol de protexer aos menores, actualizar a lexislación e reactivar o Pacto de Estado contra a violencia”, remata Arévalo.