A canción galega de corte social ten sen dúbidas un protagonista: Xoan Rubia.
Xoan Rubia é un mugardés comprometido coa sua época que regalounos temas que ainda na actualidade siguen a reivindicar dereitos.
Repasamos con Xoan o seu percorrido musical e descubrimos que moito do seu legado ten que ver coa xenta máis nova.
Pregunta: Noiturnio do adoescente morto, Berro e Cantiga do neno da tenda. Neno progre e O señorito… Qué reivindicaban e que siguen a reivindicar?...
Resposta: Pois en realidade non me decatara de que houbese tanto “neno” nas miñas cancións. Fun o primeiro que, dentro do contexto da chamada “Nova Canción Galega” , lle puxen música aos poemas galegos de Federico García Lorca e si, aí están os seus “nenos”, pero malia os poemas lorquianos tamén hai outras cancións miñas nas que figuran, como por exemplo “O neno da montaña” baseada nun belido e significativo poema de Manuel Lueiro Rey.
Sempre defendía a idea de que unha canción é unha historia contada en tres minutos e para iso é necesario un importante exercicio de sínteses. Historias que teñen que ver coas túas inquietudes, porque creo que a canción debe servir, malia entreter, como vehículo de transmisión de ideas e para reivindicar a liberdade de poder transmitilas.
Xoan Rubia, unha infancia en tempos difíciles
Pregunta: Por qué esta preocupación pola Infancia, o canto menos, por qué ten unha presencia tan forte nas súas cancións?
Resposta: Es a primeira xornalista que me sitúa nesta tesitura. A verdade é que non andei na procura consciente de que nas miñas cancións estivese de xeito reiterativo a figura do “neno”. O noso devir pola vida é un compendio de casualidades, e esta da presencia da infancia nas miñas cancións é unha delas.
Pregunta: Qué letra le poñería a súa infancia...
Resposta: A miña infancia transcorreu en tempos difíciles, tempos marcados pola forza da sen razón e disciplina cuarteleira. Malia iso, os meniños permanecíamos alleos a esa circunstancia mergullados nunha situación na que a conciencia aínda estaba aletargada. ¿Que letra lle poñería? Pois unha na que se amosase o desexo dun mundo mellor no que as cousas fosen escravas do home e non viceversa. Pero iso un neno aínda non o entende.
Pregunta: Para qué a canción de corte social?
Resposta: Pois para intentar espertar conciencias, malia que iso poda soar a unha pretensión demasiado ambiciosa. A música en xeral e a canción en particular é moi poliédrica na súa aplicación, pode simplemente entreter formando parte esencial da troula, ou pode transmitir conceptos e ideas, e na medida en que estas ideas vaian ao centro da diana, a canción pode resultar máis ou menos incómoda para o sistema. A canción non deixa de ser un medio de expresión e algúns pensamos que, como a poesía, podería ser un arma cargada de futuro. Os nosos devanceiros xa protestaban diante de situacións sociais inxustas, e eu non fixen máis que recoller o testemuño.
Facemos un alto no camiño para falar de Catro Vellos mariñeiros, a versión folk-pop de Xoan Rubia é a máis coñecida da historia deste tema. Unha disculpa para falar da maternidade, das nais, da terra...
Pregunta: Qué lle sugire esta paradiña...
Resposta: Os meus netos Daniel e Sara de sete e cinco anos xa tatabexan o retrouso de “Catro Vellos Mariñeiros”. Algunha vez serviu de nana e lembran perfectamente os denodados intentos dos avós para que entrasen no solpor da adormecida que se resistía. O “ailalelo” dos Catro Vellos Mariñeiros foi un recurso.
Pois esa canción formou parte dun traballo que me encomendou a compañía “Philips”, un LP que se titulou “Cantares da miña terra” e no que mesturei cancións de corte social con temas estritamente populares pertencentes ao acerbo cultural da nosa terra. Sariña, a miña neta, que éche moi cantareira, dálle ao retrouso de Catro Vellos Mariñeiros e dime: ¿avó, a que te soa isto?
Pregunta: Despedimos a Xoan Rubia e lle comprometemos como compositor. Qué ronda na cabeza dun músico, compositor e cantante de corte social nos tempos que corren....
Resposta: Pois hai unha cousa que está moi clara: que moitos problemas sociais neste país aínda están sen resolver, a pobreza infantil é unha rémora coa que conviña rematar xa, os dereitos das persoas en xeral e da infancia en particular son moitas veces conculcados. Os nenos son o ben máis prezado da sociedade, cousa que moitos dos que deciden sobre as nosas vidas e facendas aínda non entenderon. Quedan pois moitas cousas aínda que denunciar.
Pregunta: Si tivera que elexir unha palabra para unha canción que reivindicara dereitos da nosa infancia, cal elexiría...
Resposta: A mera presencia dun meniño ou meniña esperta dúas palabras: amor e tenrura. O outro día nun telexornal amosaban a imaxe en Afganistán da venda dunha meniña de nove anos e de como se resistía a abandonar o seu fogar da man do seu novo “propietario”. Dicían que esa venda viña propiciada pola necesidade de ter que dar de comer aos outro sete irmáns que quedaban na casa. ¿En que mundo vivimos?