A Fraga de Sisalde sitúase na parroquia de Barrañán. Trátase dun monte poboado de diversas especies como carballos, castiñeiros ou salgueiros onde convive tamén unha gran cantidade de fauna. Aínda que existe a opción de visitar unicamente a Fraga, a zona conta cunha senda peonil, a Senda do Río Sisalde, que dá pé a coñecer algúns fermosos lugares do Concello de Arteixo.
A Senda do Río Sisalde ten o seu punto de inicio na costa, para logo percorrer unha das zonas naturais máis puras de Arteixo e trátase dunha opción perfecta para gozar da natureza só ou en compañía de amizades ou familia. A catalogación da ruta como de baixa dificultade permite que sexa tamén apta para nenos e nenas. Con todo, terase en conta que, no caso de facela completa, a súa lonxitude resulta xa interesante.
Caracterizada por ser unha ruta de percorrido circular que abrangue uns 18 km e de dificultade baixa por carecer de excesivo desnivel de terreo, convén non esquecer que ruta atravesa zonas pobadas de abundante vexetación e vai nalgún dos tramos ao carón de diferentes canais de auga, o que obriga a levar roupa e calzado axeitado. A totalidade do percorrido circular pódese facer nunhas cinco ou seis horas, dependendo do ritmo ou das paradas que se fagan para gozar da contorna. Do mesmo xeito, a ruta pode facerse tamén de xeito lineal ou dividila en tramos.
Para comezar a senda do Río Sisalde, convén achegarse ata a praia de Barrañán, unha das grandes xoias naturais do concello de Arteixo. De feito, esta praia está distinguida dentro da Rede Natura 2000 como Lugar de importancia comunitaria (LIC). Este areal distínguese polo seu cordón de dunas, tra-lo que xorde un val polo que discorre o río Sisalde e no que se atopa o inicio da Senda.
A Senda do Río Sisalde discorre en moitos tramos ao lado do río aínda que tamén se distancia nalgúns momentos e discorre polas parroquias de Barrañán, Chamín, Armentón, Monteagudo e Larín.
Os primeiros pasos pola senda transcorren rodeados de humedais e do propio río, pasando polos Boedos de Sisalde para logo adentrarse na zona máis frondosa da Fraga de Sisalde. De aquí a senda chega ao Monte das Cartas onde se pode contemplar o Muíño da Margarida. Os muíños son, de feito, outro dos grandes atractivos etnográficos desta zona e, aínda que son abundantes, tan só tres están completamente restaurados (Margarida, A Ibia e o muíño dos Zapata).
Logo de varios quilómetros percorridos a senda chega ao Igresario de Monteagudo, do S. XII, e para descansar, case a metade de camiño está a área recreativa dos Barreiros.
Trátase dun amplio espazo que conta cun parque infantil con bambáns, balancíns e diferentes xogos para os máis pequenos así como unha zona biosaludable. Ademais hai unha zona de pícnic e grellas a carón do río, onde é posible comer e coller forzas para rematar a camiñada. Asemade, esta zona verde conta con zonas de sombra onde descansar, fontes de auga e zonas de aseo.
Logo do merecido descanso, a ruta continúa cruzando o rego da Ibia, onde é posible ver o muiño do mesmo nome. O último tramo desta ruta é o de maior nivel de subida, e é o que dá acceso ao punto máis alto, a Groba. Para rematar, a ruta pasa unha vez máis pola beira do río Sisalde e o muíño dos Zapata. Xa case chegando ao remate da ruta, pódese ver o Igrexario de Barrañán, dende o que se pode acceder á praia de Barrañán.
É unha senda moi atractiva pola ampla variedade de paisaxes naturais que atravesa: costa, fraga, ríos, prados… Asemade, durante toda a ruta pódese gozar de diferentes especies vexetais e tamén da fauna salvaxe e doméstica.