Destinan 4,3M€ para que pemes e microempresas se beneficien das vantaxes da innovación

A Xunta mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego poñendo o foco na innovación das empresas de menor tamaño
Xunta de Galicia planes de innovación para empresas gallegas
photo_camera Galicia segue avanzando na mellora das empresas a través da innovación e o deseño

O Goberno galego avanza no seu compromiso de achegar a innovación ao tecido empresarial coas novas convocatorias de InnovaPeme e DeseñaPeme

Apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas para introducir innovación en procesos, organización, produtos e servizos, é o obxectivo dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme . Para iso, o Goberno galego investirá 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6 entre ambas as dúas liñas de axudas, cuxas convocatorias xa están abertas. Deste xeito, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego poñendo o foco nas empresas de menor tamaño.

InnovaPeme

Xa convocada a súa quinta edición, InnovaPeme trata de incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste eido.

O orzamento destinado de 2,8M€ permitirá ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización así como identificar tecnoloxías para o seu negocio. Iso facilitaralles mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

A convocatoria será de concorrencia competitiva e prevé outorgar entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas. Deste xeito contribuirase a incrementar o número de compañías innovadoras e potenciar a colaboración aumentando o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación.

DeseñaPeme

Tamén no mes de abril publicouse a segunda edición de DeseñaPeme. O reto é seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través da xestión do deseño como valor estratéxico.

Nesta ocasión o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias. Pero tamén, de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas.

As axudas, de concorrencia competitiva, contarán cun orzamento de 1,5M€. Valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Apoio ao impulso innovador

Ambas as dúas liñas da Administración autonómica forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes como:

  • Préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5M€-.
  • Programa ReAcciona.
  • Aceleradora Galicia Avanza -con sede na Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense)-.
  • Comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores.
  • Bonos de innovación que tamén se activarán este ano.

Grazas á posta en marcha en 2017 de InnovaPeme, xa se apoiaron 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6. Esta iniciativa posibilitou o mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario.

DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns. O investimento fixo posible a creación e mantemento de 86 contratos.