O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, e o conselleiro do Medio Rural, José González,
participaron hoxe na presentación da VIII edición das Xornadas de
Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia nas denominacións de
orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras,
un acto que permitiu poñer en valor o notable investimento, de 4,3
millóns de euros, que a Xunta está a facer para impulsar o
enoturismo.
A iniciativa presentada permite ao
visitante coñecer un total de 67 adegas, ás que poderá acceder de
xeito gratuíto e guiado e nas que se ofrece un completo programa de
actividades dispoñible na web
das xornadas. Así, ademais das catas nestes
establecementos e nos museos do viño, varios restaurantes de cada
unha das zonas ofrecerán dous menús especiais para a ocasión que
inclúen un primeiro e segundo prato, maridados ambos con viños da
Denominación de Orixe correspondente, e sobremesa.
Igualmente, en cada ruta ofrecerase un
programa especial de actividades para a fin de semana: catas
comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca,
descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do
viño.
As xornadas desenvolveranse do 7 ao 9 de xuño nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro, e do 14 ao 16 nas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Para facilitar os desprazamentos, a Xunta pon a disposición o Bus do Viño, que conectará diferentes cidades galegas coas denominacións de orixe, de xeito que os participantes poderán vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.
Román Rodríguez afirmou que as
Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños “serán, un ano
máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas e tamén para
que os propios galegos poidamos descubrir paisaxes e comarcas que
aínda non coñecemos”. Ademais, destacou que este tipo de eventos
“axuda a desestacionalizar e a diversificar a oferta por gran parte
de Galicia, permitindo que os beneficios que xera o turismo cheguen a
todo o territorio”.
O titular de Cultura e Turismo explicou
que o apoio ao sector tradúcese nunha achega de 230.000 euros para a
realización destas xornadas ata 2021, e noutros 236.000 euros
destinados á sinalización das rutas das DO Rías Baixas e Ribeiro
xa executadas. Nunha segunda fase acometerase a sinalización das DO
Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Ademais, Román Rodríguez
fixo referencia á próxima posta en marcha dos plans de dinamización
turística para as cinco zonas denominación de orixe, froito da
colaboración de diversos departamentos da Xunta co obxectivo de
impulsar economicamente estes territorios.
Cómpre destacar que a Xunta realizou
importantes investimentos para a posta en marcha do Museo do Viño de
Galicia en Ribadavia, o Museo da Enoloxía do Condado de Tea, o Spa
Viñoterapia de Leiro ou para a conservacións dos lagares rupestres
de Oímbra, entre outras actuacións. Deste xeito, o Goberno galego
fixo unha achega total para a dinamización do enoturismo de 4,3
millóns de euros, ao que se suma o apoio ás numerosas festas de
interese turístico arredor deste produto.
No marco da presentación, Román
Rodríguez tamén lembrou o impulso da Xunta á nova estratexia de
turismo enogastronómico Galicia Sabe, “na que se recollen as
principais liñas de actuación e as prioridades para promover un
turismo sustentable baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no
valor das persoas e na paisaxe”, explicou.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio
Rural, José González, puxo en valor o viño galego como “principal
elemento dinamizador” dos territorios que compoñen as cinco
denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade. Neste
sentido, cualificou as rutas do viño como unha “oportunidade”
para amosar o “orgullo que temos por todas estas denominacións de
orixe”.
O titular de Medio Rural destacou que
esta consellería destinará no período 2019-2020 máis de sete
millóns de euros en axudas para o sector. Estes fondos servirán
tanto para fomentar este eido produtivo como para impulsar a súa
comercialización e promoción nos diferentes mercados.
José González salientou ademais que
cada unha das DO’s galegas teñen a súa propia personalidade,
malia que estean próximas xeograficamente, polo que invitou a todos
os presentes a ser “coñecedores e usuarios” das devanditas
rutas, coas que se está a promocionar o enoturismo en Galicia.
Así mesmo, o conselleiro salientou o
peso do sector vinícola galego, que –explicou– agrupa máis de
15.000 viticultores e 400 adegas, cunha superficie que supera as
9.000 hectáreas de viñedos e cunha produción anual de máis de 60
millóns de quilos de uva producidos.