Día Internacional da Lingua Materna

Celebración do Día Internacional da Lingua Materna na Biblioteca Miguel González Garcés na Coruña
photo_camera Celebración do Día Internacional da Lingua Materna na Biblioteca Miguel González Garcés na Coruña

A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

As conmemoracións do nacemento de Rosalía de Castro e do Día internacional da lingua materna serán protagonistas en febreiro na Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’, con mostras bibliográficas arredor destas efemérides. Ademais, inaugurarase a primeira das exposicións organizadas pola Xunta no marco da programación que promove no centenario de María Casares. Xunto a elas, haberá as habituais sesións de contos dos sábados e demais actividades regulares, como o obradoiro de escrita, as visitas guiadas, a formación para usuarios ou os clubs de lectura.

As primeira das mostras previstas, centrada no Día internacional da lingua materna, poderase visitar a partir do día 15 e estará dispoñible ata o 22. Esta efeméride foi instaurada pola Unesco o 21 de febreiro co obxectivo de impulsar a diversidade lingüística cultural e o multilingüismo. Pola súa banda, a mostra bibliográfica arredor da vida e obra Rosalía de Castro instalarase na mesma data da conmemoración do seu nacemento, o 23 de febreiro, e prolongarase ata o 28. Ofrecerá unha escolma das obras máis representativas da autora. A maiores, ata mediados de mes aínda se pode visitar a mostra dos libros máis prestados durante 2021.

Canto ás exposicións, cómpre sinalar que o día 15 arranca unha das iniciativas promovidas pola Xunta no marco da conmemoración do centenario da actriz María Casares, coa exposición María Casares, residente privilexiada, que permanecerá ata decembro.

Sesións para público infantil e adulto

As sesións para público infantil que se desenvolven todos os sábados ás 12,00 horas, comezan en febreiro con contos en lingua de signos, en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. O día 12 ofrecerase o espectáculo para bebés de ata tres anos Fábulas no berce, con Charo Pita. O sábado seguinte será a quenda da maxia con Fernando Keller, para público a partir de catro anos. O mes péchase con Trinke
Trinke
e a súa Asociación de animais solidarios, dirixido á cativada de tres a oito anos. Xa para público adulto, o 15 de febreiro presentarase a novela Donde se vive, de Xurxo Mares. Ademais, haberá novas sesións do obradoiro de escrita creativa impartido María Jesús Molina Raspal os venres e de formación sobre os recursos e servizos da biblioteca, os mércores 9 e 16. Tamén continúan as visitas guiadas os martes e xoves.