A nova intervención na parroquia de Larín ten un prazo de execución de tres meses. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a execución das obras de saneamento e abastecemento nos núcleos de Areal, Pedroso e Coque, no concello de Arteixo.
Este contrato, adxudicado á empresa Proyecon Galicia S.A., contará cunha achega que ronda os 144.000 euros e dispón dun prazo de execución des tres meses.
A intervención consistirá na execución dunha rede de fecais
cunha lonxitude total de 1.546 metros de tubaxe. Esta constará de dous
colectores principais e dous secundarios, que recollerán os vertidos das
vivendas situadas a ambas marxes da estrada AC-552 para conducilos á estación
depuradora de augas residuais (EDAR) de Groba.
A rede de abastecemento terá unha lonxitude de 933 metros,
que se conectará coas tubaxes existentes. Instalarase un grupo de presión para
alcanzar a cota máxima de 253 metros que é á hai que dar servizo.
Cómpre lembrar que esta obras adxudicadas veñen a sumarse a
outra intervención de proxecto de mellora de saneamento e abastecemento noutros
núcleos desta parroquia de Larín, concretamente en Larín de Arriba, Salto do
Carro e Groba de Abaixo. Neste caso, a intervención foi recentemente adxudicada
por máis de 132.000 euros á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, S.L.
A Xunta, con estas actuacións, segue avanzando e traballando
para darlle resposta ás necesidades do concello e no seu apoio ao
desenvolvemento das infraestruturas hidráulicas desta parroquia, que está a
rexistrar unha crecente actividade turística, polo que é precisa a ampliación
destes servizos municipais.
Esta intervención está cofinanciada por Augas de Galicia a
través do fondo europeo Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural
(PDR) Galicia 14-20.