O Alumnado do colexio CEIP Juan Rey de Lourenza recibe o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega do premio convocado pola Xunta de Galicia Concurso-Exposición Letras Galegas 2023, na categoría Infantil e Primaria, ao colexio CEIP Juan Rey de Lourenzá polo seu traballo Desde a fiestra de don Paco, elaborado polo profesorado e alumnado do centro, ata onde tamén se desprazou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou, en primeiro lugar, a “importancia que supón entregar este galardón na propia vila natal de don Paco, da que nunca se desvinculou e á que lle dedicou Lourenzá, un dos seus persoais libros de viaxe”. Ademais, quixo agradecer “a todo o profesorado e alumnado do centro a súa implicación, tanto na elaboración tan coidada do traballo presentado, como na celebración destas Letras Galegas tan especiais para os laurentinos”.
Desde a fiestra de don Paco foi premiada pola súa creatividade, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos moi diversos na procura de difundir a vida e obra de del Riego, entre os que destacan os código QR, que aparecen en cada cartel e permiten acceder aos podcasts coa biografía adaptada, ou a incorporación de linguaxe Braille e pictogramas. Ademais, o cartel número sete da exposición, que mostra a don Paco como un viaxeiro e como unha ponte imprescindible entre a Galicia de aquí e a de alén do mar, foi elixido polos supermercados da cadea Vegalsa-Eroski para a súa campaña conmemorativa do Día das Letras Galegas.
Certame anual
O Concurso-Exposición Letras Galegas, destinado aos centros de ensino público non universitario, convócase cada ano pola Consellería de Cultura no marco da programación institucional das Letras Galegas. O obxecto do certame é elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu.
Nesta última edición, o outro gañador (categoría de Secundaria) foi o Instituto IES Castelao de Vigo, cidade coa que del Riego tamén tivo especial relación, polo seu traballo Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fernández del Riego.
Ademais, ambas exposicións están dispoñibles en versión dixital e poden descargarse, canda outros recursos creados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, no Portal da Lingua Galega.
Carteis en 2.000 puntos de destino
A colección de dez carteis que integra cada unha das mostras gañadoras, así como a súa guía didáctica, chegará a case 2.000 puntos de destino: aos centros educativos de toda Galicia, mais tamén aos centros nos que se imparte galego fóra da nosa Comunidade autónoma (de Castela e León, mesmo ao Instituto Cañada Blanch de Londres, ao Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e ao Colexio Castelao de Caracas).
Ademais, tamén chegarán a centros de estudos galegos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística (e outros de fala galega como os do Val do Ellas en Estremadura), bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.