O programa, que actualmente conta con 9587 inscritos, implantouse en Galicia no ano 2007 como resultado dun acordo de colaboración entre as Consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e a Consellería de Sanidade. A través deste programa trátase de facilitar a atención inmediata e eficiente dos nenos que sofren patoloxías crónicas susceptibles de desencadear crises agudas potencialmente mortais.
Deste xeito, todos os nenos inscritos no Programa Alerta Escolar están rexistrados nunha base de datos que, no caso de chamar ao 061, inmediatamente os identifica e permite acceder aos datos clínicos do paciente. Ademais, permite coñecer a medicación que debe ser administrada se o neno se atopa nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria.
O programa Alerta Escolar realízase en colaboración cos centros educativos de toda a Comunidade Autónoma, que do mesmo xeito, contan cun rexistro dos nenos que sofren estas patoloxías e gardan a medicación prescrita. En caso de necesidade, os profesores responsables do programa no centro poñeranse en contacto cos sanitarios da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para coordinar a asistencia destes nenos de acordo á situación.
Patoloxías máis comúns
As patoloxías máis comúns incluídas no programa Alerta Escolar son as alerxias a algunha substancia (xeralmente alimentaria), diabetes e epilepsia. Dos 1226 novos inscritos ao longo do último curso escolar, 521 nenos teñen alerxias, 226 foron diagnosticados como epilépticos, 81 son diabéticos, 23 teñen asma e o resto, 375 sofren outras patoloxías. Por provincias, durante o pasado curso escolar 2022-23 rexistráronse na Coruña 575 nenos, en Pontevedra 443, en Lugo 126 e en Ourense 82 nenos.
Por todo isto e ante este curso escolar que acaba de comezar, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 lembra a todas aquelas persoas que teñan ao seu cargo nenos coas patoloxías descritas que rexistren a estes nenos no programa Alerta Escolar.
Como inscribirse no programa
Os pais que queiran inscribir aos seus fillos no programa Alerta Escolar poderán facelo a través da seguinte ligazón da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal/portal/alertaescolar no caso de que estean a realizar a educación obrigatoria nun centro da rede de centros públicos ou concertados da Xunta de Galicia.
Se os menores estudan en centros de ensino privados ou están matriculados nunha escola infantil deberán encher o formulario que se atopa na web de 061 de Galicia-061 https://061.sergas.gal/DPXerais/Formularios/Formulario_Alerta_Escolar.pdf e xunto co informe médico do neno, remitilo por correo postal a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Deste xeito, desde a Central de Coordinación do 061 de Galicia sempre se lles facilitará a atención sanitaria inmediata e eficiente segundo a súa patoloxía.
A coordinación entre o profesorado e o persoal sanitario é un dos eixos fundamentais deste programa. Os centros que o soliciten poden acceder a cursos de formación sanitaria, a través dos centros de formación do profesorado, que permiten que os profesores recoñezan aquelas situacións de emerxencia nas que é necesario poñerse en contacto coa Central de Coordinación do 061. Ademais, estes cursos proporcionan os coñecementos necesarios para prestar unha primeira atención sanitaria cando un neno sofra unha situación de crise aguda, mentres esperan a chegada dos recursos asistenciais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.