O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou a Campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e a covid 19, que comezará o vindeiro día 25 de setembro, e que se prolongará ata o 31 de decembro. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.
Remarcar que a Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade estableceu unha xanela temporal para o inicio da campaña en todo o Estado, que vai dende a última semana de setembro a todo o mes de outubro, e Galicia opta polo primeiro día posible de inicio, que é o 25.
O Goberno galego conta con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias de maiores con 60 ou máis anos. Tamén conta cunha nova vacina fronte á covid-19 adaptada ás cepas circulantes.
Vacinación
Tal e como detallaron o conselleiro e a directora xeral, a campaña de vacinación levarase a cabo en diferentes puntos de vacinación e, ao igual que en campañas anteriores, o inicio será secuencial para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, as persoas institucionalizadas en residencias de maiores e centros de discapacidade serán vacinadas a partir do 25 deste mes na súa contorna por equipos específicos, ofrecendo a vacina fronte á gripe e a covid-19.
Pola súa parte, os servizos de atención primaria (centros cabeceira) administrarán a vacina fronte a gripe e a covid-19 ás persoas de 80 e máis anos, que serán citadas proactivamente mediante unha mensaxe de texto. Así mesmo, vacinaranse a domicilio ás persoas inmobilizadas que pertenzan aos grupos diana.
Os hospitais públicos disporán de doses da covid-19 e gripe para a vacinación dos grupos de alto risco.
Ademais, habilitaranse grandes recintos, ao longo do mes de outubro, nas áreas sanitarias e distritos para a vacinación conxunta fronte á gripe e a covid-19 dos menores de 80 anos. Estas persoas tamén serán citadas de forma proactiva mediante unha mensaxe de texto.
Comesaña e Durán sinalaron que os puntos de vacinación da gripe habituais como son os centros de saúde, hospitais, centros privados, residencias, e mutuas, só administrarán a vacina fronte á gripe. Nestes puntos, o paciente pedirá a cita cando corresponda segundo a secuencia establecida.
Campaña inmunización virus respiratorio sincitial
Xunto ao anteriormente sinalado, os representantes da Consellería de Sanidade incidiron en que o próximo día 25 a Xunta comezará coa campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial. Esta inmunización é unha das novidades principais do novo “Calendario de inmunización ao longo de toda a vida”, do Programa Galego de Vacinación. Cómpre remarcar que Galicia foi a primeira rexión do mundo en anunciar a inmunización fronte ao VRS como parte do Programa Galego de Vacinación de 2023, decisión que despois foi seguida por outras comunidades autónomas.
A inmunización fronte ao VRS, consiste na administración dun anticorpo monoclonal (nirsevimab), nas seguintes situacións:
-Neonatos tras o nacemento. Serán vacinados no hospital nas primeiras 24-48 horas de vida aqueles que vaian nacendo dende o 25 de setembro de 2023 e durante a campaña. Farase unha recaptación dos lactantes nados dende o 1 de abril de 2023, que serán inmunizados nas dúas primeiras semanas do mes de outubro. Citaranse vía SMS no hospital público de referencia. Aqueles que non acudan, poderán inmunizarse durante as dúas últimas semanas do mes de outubro no centro de cabeceira de servizo de atención primaria correspondente.
-Nenos/as prematuros/as, nados dende o 1 de outubro de 2022. Serán citados dende as áreas sanitarias no hospital público de referencia, a partir do 25 de setembro de 2023.
-Nenos/as con condicións de alto risco (cardiopatías conxénitas, displasia broncopulmonar, etc): recibirán, ademais da dose na primeira tempada, outra dose na segunda, sempre e cando non teñan cumpridos os 24 meses. Serán citados dende as áreas sanitarias no hospital público de referencia a partir do 25 de setembro de 2023.