O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o 31 de outubro,o acto de celebración do primeiro Día galego sen tabaco. Esta xornada “marca un paso importante de cara a un futuro máis saudable para a nosa cidadanía”, apuntou.
Baixo o lema: “O teu compromiso é clave, únete a unha Galicia sen fume”, Comesaña dixo que a Xunta quere salientar con este día “a importancia que ten a implicación individual nas actitudes e no posicionamento da sociedade nos proxectos de saúde”.
Segundo remarcou “apostar por unha sociedade libre de tabaco é sinónimo de saúde, ademais de ser unha das mellores mensaxes que podemos trasladar á nosa mocidade”.
Para Comesaña, este primeiro día galego sen tabaco “convida a reflexionar sobre o impacto na nosa comunidade e a necesidade de promocionar estilos de vida saudables”.
Lei de protección da saúde en persoas menores
Aproveitando este primeiro Día galego sen tabaco, o conselleiro anunciou que esta mesma semana abordarase, no Consello da Xunta, a Lei de protección da saúde en persoas menores e prevención de condutas adictivas. Un documento que, -segundo explicou-, “aportará novidades significativas en relación ao consumo de tabaco, e que tratará ao mesmo nivel que o tabaco convencional os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos”.
Plans e accións
Outro medida é a Rede galega sen tabaco, sendo a última iniciativa de ampliación da prohibición de non fumar en espazos non regulados a Rede galega de parques sen fume, “que xa conta con 34 concellos adheridos”.
Tamén esta medida é "filla directa" do proxecto Praias sen fume, iniciativa que foi considerada por outras comunidades autónomas como innovadora e atractiva.