Así será a nova Lei Autonómica de Igualdade

A nova Lei Autonómica de Igualdade reforzará a protección da muller contra os ataques sexistas que se difundan nas tecnoloxías da información.
Nova Lei Autonómica de Igualdade.
photo_camera Nova Lei Autonómica de Igualdade.

A nova Lei Autonómica de Igualdade reforzará a protección da muller contra os ataques sexistas que se difundan nas tecnoloxías da información.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, salientou, na inauguración das Xornadas Internacionais EDIGA Xénero, contornas dixitais e adolescencia, o labor que está a realizar o Goberno galego pola “tolerancia plena” e “a discriminación cero” ante calquera persoa por razóns de sexo, identidade ou condición sexual.

Na súa intervención, na iniciativa organizada polo grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Vázquez apuntou que Galicia é unha comunidade pioneira nas políticas de igualdade e, por iso, indicou que continúa adaptándose aos novos tempos, nesta ocasión coa nova Lei de igualdade que regula aspectos como o benestar laboral, a discriminación múltiple ou os dereitos das mulleres do rural e do mar.

Tamén, indicou que a normativa, nestes intres en tramitación parlamentaria, reforzará a protección da muller contra os ataques sexistas difundidos a través das tecnoloxías da información, con especial fincapé na mocidade; ao tempo que promoverá espazos seguros e libres de acoso sexual nas rúas e na celebración de eventos multitudinarios.