A Xunta impulsa con 300.000 euros os traballos de preprodución de novas prelículas e series galegas.
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das súas subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, dotadas con 300.000 euros. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona esta liña anual de apoio co obxectivo de impulsar os diferentes traballos que teñen lugar na fase de preprodución de películas cinematográficas e series, tanto de ficción en imaxe real como documentais e de animación, cara á súa rodaxe nos próximos anos.
Estas axudas en réxime de concorrencia competitiva destínanse especificamente aos labores previos relacionados co guión, a procura de financiamento, a xestión de dereitos de autoría ou propiedade intelectual, venda e distribución. As bases contemplan tamén o seu uso nas áreas de investigación, elaboración de materiais de promoción, gastos de asesoría, alugueiros e outras tarefas previas á filmación. O prazo de presentación de solicitude dá comezo mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de setembro.
A través desta convocatoria anual, a Xunta está a colaborar economicamente coas empresas galegas do sector xa desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, que nos anos seguintes poderán optar ás subvencións autonómicas para a produción e coprodución audiovisual, ademais de ás convocatorias para a difusión en foros de negocio e festivais.
Acompañamento integral
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acompaña así de xeito integral o percorrido do noso talento audiovisual, dende a posta en marcha dunha idea ata a súa chegada ás pantallas, ao tempo que cumpre cos diferentes eixos estratéxicos do Plan Xeración Cultura 2023 da Xunta como folla de ruta para dinamizar o sector cultural cun investimento de 34 millóns de euros.
A convocatoria establece diferentes categorías que atenden á natureza dos posibles proxectos, diferenciando entre os apartados para as longametraxes cinematográficas de ficción, animación ou documentais de carácter creativo cunha duración mínima de 60 minutos; para series de ficción cunha duración total mínima de 150 minutos, e para series de animación e documentais con cando menos 100 minutos de duración.
Cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria con ata 30.000 euros no caso de longametraxes de animación e de series de ficción ou de animación; ata 25.000 euros para as longas de ficción, ata 20.000 euros para as series documentais e ata 15.000 euros nas longametraxes documentais.