Sanidade cita á vacinación fronte á gripe os menores de entre 6 e 59 meses

Sanidade cita á vacinación fronte á gripe os menores de entre 6 e 59 meses durante dúas fins de semana consecutivas.
Vacinación fronte á gripe a menores de entre 6 e 59 meses.
photo_camera Vacinación fronte á gripe a menores de entre 6 e 59 meses.

A Dirección Xeral de Saúde Pública vén de comezar o envío de SMS de citación para que os pais e nais dos menores con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses, poidan acudir ao conxunto de hospitais galegos a vacinar da gripe os seus fillos e fillas, durante as fins de semana do 18 e o 19 de novembro; e do 25 e do 26 novembro.

A medida ten por obxectivo facilitar que os proxenitores poidan acudir ao conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega con maior comodidade, e así poder acompañar os seus fillos e fillas á administración dunha vacina que está recomendada –de forma sistemática- para este tramo de idade.

Deste xeito, e de acordo ao volume de poboación diana que posúen as sete áreas sanitarias galegas, durante a primeira fin de semana (18-19 de novembro) citarase á vacinación en todos os hospitais da rede sanitaria pública galega, agás no caso de Monforte, que será no anexo ao IES Río Cabe. No caso das xornadas do 25 e 26 de novembro, as citas continuarán soamente nas áreas da Coruña-Cee; Vigo; Santiago-Barbanza; e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Autocita para menores de 60 anos con patoloxías de risco

A Consellería de Sanidade habilitará tamén o vindeiro día 16 de novembro, o sistema de autocita para que as persoas menores de 60 anos -e con patoloxías de risco- poidan vacinarse -nos grandes recintos- da gripe e da covid-19.

Deste xeito, a poboación con idades comprendidas entre os 12 e os 60 anos, e que pertenzan ao grupo con patoloxías de risco (mulleres durante o embarazo e puerperio, persoal de servizos esenciais, conviventes de persoas de risco, etc.) poderán solicitar a súa cita para a vacinación dobre. Neste senso, o primeiro día de citación será o 26 de novembro.

Así mesmo, e para vacinar aos menores con condicións de risco, e idades comprendidas entre 6 meses a 11 anos, Sanidade habilitará un día antes -o 15 de novembro-, o sistema de autocita para a vacinación gripe-covid-19, que no caso deste grupo de idade, se levará a cabo nos hospitais da rede sanitaria galega. 

 

Más en Salud y Medicina Hoy